As folgas xerais de 2001 e 2002. Contra a reforma laboral e en defensa da protección social.

Publicacións — 28 Setembro, 2010

Baixo o título “As folgas xerais de 2001 e 2002. Contra a reforma laboral e en defensa da protección social.” FESGA editou hai varios meses un libro, coa colaboración da Consellaría de Traballo da Xunta de Galiza e a da CIG, e que a seguir dispoñibilizamos para a súa visualización e descarga en PDF.

O texto, de autoría de Manuel Mera, describe os procesos mobilizadores que nos anos 2001 e 2002, no ecuador do goberno por maioría absoluta do Partido Popular, con actuacións de claro carácter neoliberal. Ambas folgas xerais, que acadarían que o Goberno Central dese marcha atrás nos seus plantexamentos máis regresivos concretizados no denominado “decretazo”, enmarcáronse nun período de intenso axer social e reivindicativo. O movemento anti-LOU, o rexeitamento á Lei de Calidade ou á LOSGA, a maré civica do Nunca Máis ou a oposición á Guerra de Iraque, así como a negociación do Convenio da Banca e a frontal oposición ás mutuas, foron os puntos álxidos de catro anos de importante mobilización.

Como sinala Manuel Mera no derradeiro parágrafo do limiar desta obra “Foi nesta etapa en que o sindicalismo nacionalista deu de novo un grande pulo, dado como xa se dixo, o seu papel central en todos estes conflitos, medrando en materia afiliativa e organización a todos os niveis“.

Ás portas da Folga Xeral convocada pola CIG para mañá 29 de setembro, contra da última contrareforma laboral (máis unha vez promovida polo PSOE desde o goberno do Estado), tórnase moi acaído a divulgación deste material, nomeadamente para entender o alcance alén do inmediato que estas convocatorias teñen en termos sociais e políticos, como expresión da capacidade da clase traballadora.

Preme aquí para o ver en pantalla completa.

Podes descargar o PDF desde aquí.

Ficha bibliográfica

Coordenación e texto: Manuel Mera

Documentación: Xabier P. Igrexas

Apoio técnico: Breixo Lousada

Corrección lingüística: Rafa Vilar

Tags: , , , , ,