Comprendermos 6 e 7. Novos cadernos dispoñíbeis para o público.

En destaque, Novas, Publicacións — 12 Xaneiro, 2017

A Fundación Moncho Reboiras pon a disposición do público os números 6 e 7 do caderno Comprendermos,  correspondentes a xuño e decembro do 2016 respectivamente, editados en parcería co semanario SermosGaliza.

No número 6, cunha temática central que sintetiza o título do caderno, a nación asalariada, abordamos as mudanzas producidas na estrutura de clases do noso país nos últimos 40 anos, da man dun traballo de Manuel Mera que debuxa a evolución económica, produtiva e laboral da Galiza. No aspecto sindical, traemos ao público unha entrevista con Paulo Carril, secretario de organización da CIG, quen aborda a situación social e laboral actual e as reivindicacións centrais do sindicalismo nacionalista e de clase para a presente etapa. Na sección conceptos, publicamos un traballo Fernando Barbeito, economista uruguaio ligado ao PIT-CNT, esclarecendo desde as categorías da economía política marxista os elementos que constitúen o salario como valor da forza de traballo. Finalmente, o historiador Uxío-Breogán Diéguez achéganos ao significado do plebiscito estatutario do 28 de xuño de 1936 co gallo do seu 60 aniversario.

Preme aquí para visualizar o caderno en pantalla completa.
Para descargares o caderno en PDF, preme aquí.

 

O número 7 de Comprendermos dedica o seu dossier central  En Foco ás pensións baixo ameaza, co cuestionamento do sistema público de pensións, un tema de grande actualidade que preocupa e afecta ao conxunto do pobo traballador. Para iso, cedemos a palabra a Luis Burgos, experto na materia, e representante da CIG no Consello Económico e Social do Estado. O responsábel confederal de Comunicación e Propaganda da CIG, Francisco Miranda Vigo, fálanos dos esforzos realizados pola central nacionalista para renovar a súa acción no campo da comunicación, un ámbito determinante na acción sindical, e presentános o novo sitio web da CIG (www.cig.gal). O responsábel nacional de CIG-Industria, Xoán Xosé Bouza Aboi, analiza para nós o raquitismo do tecido industrial galego. Na sección conceptos, abordamos a cuestión da multipolaridade, unha nova expresión das relacións internacionais no marco dun sistema imperialista mundial en crise, con crecentes tensións entre unhas potencias que emerxen fronte outras que declinan. Finalmente, Manuel Mera analiza os máis recentes acontecementos da política internacional e avalía os indicios dunha posíbel desglobalización.

Preme aquí para visualizar o caderno en pantalla completa.
Para descargares o caderno en PDF, preme aquí.
Tags: , , , , , , , , ,