No último Comprendermos: as novas formas da explotación baixo a lupa.

destaque-publicacions, Novas, Publicacións — 12 Maio, 2016

Publicouse un novo número do caderno da Fundación Moncho Reboiras. Este Comprendermos coloca o seu foco de análise sobre a intensificación da explotación capitalista. Confrontado a unha crise xeral que afecta á súa lóxica de acumulación crecente, o Capital desprega múltiples mecanismos procurando aumentar (sempre máis) os seus lucros. Tratamos neste número de botar luz sobre diversos  aspectos desta realidade do conflito capital-traballo e sobre algunhas respostas do movemento obreiro internacional.

 

Precariedade e desregulación das relacións laborais.

O conflito dos e das traballadoras de Servicarne (no centro de Frigolouro no Porriño) puxo no foco a realidade oculta baixo a figura dos falsos autónomos. Unha situación marcada por unha elevadísima explotación laboral e pola falla total de dereitos. Un fenómeno crecente no mundo do traballo ao abeiro dunha lexislación permisiva, aprobada en beneficio da grande patronal. Un artigo de Manuel Mera analiza como esta forma de fragmentación da clase obreira serve para aumentar a súa explotación.

Traemos tamén un interesante artigo do prestixioso avogado laboralista e profesor de Dereito Laboral da Universidade Autónoma de Barcelona, Vidal Aragonés, para contribuír ao debate sobre a caracterización do que se deu en chamar o precariado. Existe unha importante discusión teórica sobre as consecuencias dos procesos de desregulación laboral, de precarización e flexibilización da forza de traballo. Definir o precariado como nova clase social, diferenciada da clase obreira, leva ao cuestionamento dos instrumentos e das formas de organización do mundo do traballo e a novos paradigmas político-sindicais. É un debate necesario e complexo no cal o artigo de Vidal Aragonés achega significativos argumentos para non perdermos o norte na acción sindical e non nos confundir nos novos escenarios da loita de clases, nos que puideron mudar as formas mais non variaron os suxeitos do conflito Capital-Traballo.

 

O ESNA como espazo de loita continental da clase traballadora de América Latina.

Entrevistamos o compañeiro Leonardo Batalla, un dos integrantes da Coordinadora Política do Encontro Sindical Nosa América (ESNA), un espazo continental que nace en 2008 para procurar a unidade de acción das organizacións sindicais. É sindicalista no Uruguai, facendo parte do sindicato do sector bancario AEBU, integrado na central PIT-CNT. O ESNA celebrou recentemente o seu sétimo encontro en Montevídeo, e nel abordaron a actual contraofensiva imperialista contra a clase traballadora e os pobos e como enfrontala.

Pechamos este caderno coa segunda parte do traballo divulgativo sobre o concepto de imperialismo.

 

 

 

 

Preme aquí para visualizar o caderno en pantalla completa.
Para descargares o caderno en PDF, preme aquí.

 

Tags: , , , , , , , , ,