Publicouse un novo número de Comprendermos

Publicacións — 10 Marzo, 2016

Baixo a coordenación de Manuel Mera, director da Fundación Moncho Reboiras, publicouse un novo número de “Comprendermos”, caderno de pensamento para o debate e a acción..

Centenario das Irmandades da Fala.

O tema central deste número é o nacemento, hai cen anos, das Irmandades da Fala, por constituír un feito determinante para o alargamento da conciencia nacional galega e da súa expresión política. O profesor da Universidade da Coruña, Uxío-Breogán Diéguez, fai un cumprido repaso das causas que deron orixe ás Irmandades da Fala, da súa inxente actividade en chave patriótica e do seu decisivo contributo á causa nacional galega.

Eleccións sindicais e negociación colectiva.

Abordamos tamén neste número de Comprendermos, a situación e retos do proceso de negociación colectiva, logo de finalizado o ciclo de eleccións sindicais 2011-2015, nas que a CIG se sitou como segunda forza en representación sindical, a escasos 160 representantes da primeira, sobre un total de 15.423 delegados/as. Na entrevista co Secretario Confederal de Negociación Colectiva da CIG, Antolín Alcántara, avalíase en profundidade este escenario sindical, así como o nivel de mobilización e protesta na Galiza, e a ameaza que representan os tratados de libre comercio actualmente en tramitación. Finalmente, Manuel Mera analiza o impacto da actual crise capitalista (desde o 2008) sobre a evolución dos procesos de representación sindical, nun estudo comparativo dos datos das eleccións sindicais desde 2003 até hoxe. Nesa análise saliéntase a repercusión negativa que tivo o axuste neoliberal sobre a representación sindical da CIG nun primeiro momento e a clara tendencia á recuperación da mesma nesta etapa, augurando unha expectativa que pode colocar a central nacionalista no primeiro lugar no ciclo electoral que rematará no 2019.

 

Preme aquí para visualizar o caderno en pantalla completa.
Para descargares o caderno en PDF, preme aquí.
Tags: , , , ,