Caderno: ‘Que se agocha tras a Unión Europea? Unha aproximación crítica’

Publicacións — 3 Outubro, 2014

Logo de transcorridos cinco anos desde o inicio da vixente crise capitalista, encetada en 2008 por mor do estalido da burbulla especulativa ligada ao crédito inmobiliario e a súa conseguinte derivación ao sistema financeiro internacional, cobra importancia capital o papel que están a xogar as institucións europeas nesta. De maneira singular a Comisión Europea, como instrumento executivo da propia UE, e o Banco Central Europeo, en tanto organismo regulador da moeda única. Non por casual, ambos niveis que son os chanzos esenciais sob os que se alicerza toda a estrutura da Unión Europea, integran canda a división para Europa do Fondo Monetario Internacional a denominada Troika.

Os efectos sociais (maior empobrecemento das clases populares) e económicos (desartellamento da base produtiva) en Galiza, no conxunto do Estado e na faixa sur do continente, das políticas de austeridade e recorte en dereitos sociais e laborais impulsadas pola Troika desde unha concepción neoliberal, e de maneira singular os planos de duro axuste impostos pola mesma no marco dos chamados rescates financeiros, poñen en cuestión o denominado proceso de construción europea. De tal maneira que se ten aberto o debate a opcións como a saída da moeda única ou mesmo o abandono da propia Unión Europea, como fórmulas que poden permitir a recuperación (ou conquista) da soberanía política e económica como elemento indispensábel que posibilite un cambio nas políticas contra a crise.

Engádese tamén o plano territorial, na medida en que neste contexto se teñen agravado os desequilibrios entre o centro do continente e a súa periferia, tanto no Leste como -sobre todo- no Sur, cun maior impacto naquelas áreas que padecen relacións de dependencia a respecto dos Estados que integran (caso de Galiza).

Para axudar a dar resposta aos importantes interrogantes que xorden de todo o anterior, entendíase preciso superar antes de máis a opacidade existente arredor do proceso de construción europea, do funcionamento das estruturas e institucións comunitarias, do impacto das decisións que estas toman -en termos sociais, económicos e tamén de soberanía-, do papel da moeda única e do rol que Galiza xoga dentro deste marco.

Con ese propósito elabórase o presente caderno, que nace cunha palpábel vocación divulgadora (tanto nos contidos como no formato), afastada de chaves académicas ou excesivamente teóricas. Pensado como un instrumento que permita ao conxunto do pobo formarse unha idea xeral, con rigor mais tamén cun indisimulado enfoque crítico, de que é o que realmente se agocha tras a Unión Europea.

Podes descargar o PDF desde aquí.

 


 

Ficha bibliográfica

Autores: Manuel Mera (coord.) e Xabier P. Igrexas.

Equipa técnica: Iuri Domènech

Maquetación: Graciela Alba Burgos

Edita: Fundación Moncho Reboiras

Subvenciona: Concello de Pontevedra

Tags: , , , ,