O papel da UE a análise nas II Xornadas “Comprendermos a crise”

Uncategorized — 25 Marzo, 2014

Os vindeiros 11 e 12 de abril, a Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical na Galiza (FESGA) organiza en Pontevedra, no Pazo da Cultura, co apoio do Concello de Pontevedra a segunda edición das Xornadas Internacionais “Compredermos a crise”, tituladas : “Europa na encrucillada: crise sistémica, euro e UE”.

Europa está nunha encrucillada. Logo de transcorridos cinco anos desde o inicio da vixente crise capitalista cobra importancia capital o papel que nela están a xogar as institucións europeas. De maneira singular a Comisión Europea, como instrumento executivo da propia UE, e o Banco Central Europeo, en tanto organismo regulador da moeda única. Non por casualidade, ambos niveis que son os chanzos esenciais sob os que se alicerza toda a estrutura da Unión Europea, integran canda a división para Europa do Fondo Monetario Internacional a denominada Troika.

A situación social, de maior empobrecemento das clases populares. e o momento económico, marcado polo desartellamento da base produtiva de Galiza, para alén das políticas de duros recortes impulsadas pola Troika, están a poñer en cuestión o denominado proceso de construción europea. Arestora existe un debate público aberto no que se contemplan opcións como o abandono do euro ou a saída da propia Unión Europea, como posíbeis respostas arredor dunha cuestión central: cabe ou non outra Europa? Sobre que bases debe desenvolverse?

A Fundación Moncho Reboiras acredita que era necesario articular un espazo galego para a análise e a reflexión, no que se abordasen estas e outras cuestións, coa achega de importantes expertas e expertos do noso país e do ámbito internacional. Ese é obxectivo que se persigue con estas xornadas.

> Podes consultar aquí o programa

> Inscríbete nesta ligazón

Tags: ,