14-F de 1984: a nosa primeira Folga Nacional (documental 30º aniversario)

Uncategorized — 15 Febreiro, 2014

A Fundación Moncho Reboiras quer conmemorar o 30º aniversario da folga xeral do 14 de febreiro de 1984, o primeiro paro nacional da nosa historia, cun documental que recolle diversas testemuñas de sindicalistas da INTG que participaron da mesma, acompañado de material gráfico da altura. O traballo é un extracto do audiovisual realizado en 2009 baixo o título “1984: tres folgas xerais contra a reconversión”.

A primeira Folga Xeral galega realizouse o 14 de febreiro de 1984. Por suposto referímonos as que se fixeron despois da queda da II República, xa que as experiencias anteriores, por exemplo a de 1917, ficaran esquecidas despois de 40 anos de ditadura franquista. Como toda primeira experiencia non pararon todos os sectores e nin de igual xeito todas as comarcas, mais foi quen de xerar tensión social en todos os recunchos da nación, facer paros e actos diversos.

Foi sobre todo un éxito propagandístico, que lle deu un gran pulo ao sindicalismo nacionalista e fixo del unha referencia no eido laboral, non só nas pequenas e medianas empresas (onde tiña até ese intre maior implantación) senón tamén naquelas empresas máis grandes, onde o sindicalismo de ámbito estatal estaba moi consolidado (sindicalismo españolista en palabras do nacionalismo).

Desde había tempo na INTG alentábase a necesidade dunha Folga Xeral Galega para dar unha resposta acaída á salvaxe reestruturación que se estaba a facer do sector naval do país, deixando na rúa a miles de operarios, tanto directos como indirectos, nas comarcas de Ferrol e Vigo. Unha medida de forza difícil de concretar porque CC.OO. e UGT non estaban polo labor. Argumentaban os sindicatos de ámbito estatal que non era posíbel un paro de solidariedade, xa que os traballadores só se mobilizaban polos seus problemas concretos. Este razoamento chocaba coas moitas folgas de empresa realizadas polos máis diversos motivos que se estenderon ao resto dos sectores ou á comarca.Porén, neste caso a teoría era que se trataba de asalariados moi ligados á problemática ou que esta incidía indirectamente nas economías locais.

A oportunidade presentouse co acordo das tres centrais (CC.OO., UGT e INTG) para convocar o 14 de febreiro folga comarcal en Vigo e manifestación e paro do naval en Ferrol. Por suposto as centrais estatais non quixeron estender o conflito ao resto do país, polo que a única posibilidade era facelo desde a INTG, con todo o que isto significaba para unha central que só tiña 1.651 delegados e delegadas, o 18,94% do total elixido, por máis que tivese unha gran capacidade mobilizadora. Ademais unha parte da INTG non ollaba posíbel unha folga nacional, nuns casos porque coidaba que non tiña forzas dabondo para conseguilo, e noutros casos porque compartía as teses de que non era posíbel unha folga de solidariedade polo tema do naval en lugares tan afastados desa problemática como a Galiza interior. Venceu a postura de atreverse e estender a folga a todo o país, que se denominou Folga Nacional Galega.

Claro que unha polémica tan importante, máxime cando se mesturaba con outras (avaliación do Goberno PSOE, relación co BNG, etc), debilitou un chisco a capacidade da central nacionalista nalgunhas comarcas. Sen dúbida a extensión da folga, que xa estaba garantida nas bisbarras de Vigo e Ferrol, foi posíbel porque o nacionalismo tiña unha militancia moi entregada e atrevida. Falo do movemento nacional popular galego (MN-PG) porque sería todo el o que apoiaría o paro, tendo en moitas comarcas un papel de apoio destacado o movemento estudantil (ERGA).

Evidentemente que a folga, que moitos miraban como só de solidariedade, non se convocou pola INTG baixo este único motivo, xa que había razóns dabondo para realizala non só polo desmantelamento do sector naval senón tamén pola difícil situación económica e social que padecía o conxunto de Galiza. Coidábase, e así se argumentou, que a xente era consciente de que só coa mobilización era posíbel arrincar medidas (cartos) ao Goberno central, que seguira unha política de marxinación co país até ese momento, malia as promesas e boas palabras.

Claro que os primeiros beneficiados ían ser os traballadores do naval, malia que dobregar o Goberno daba azos á clase traballadora galega no seu conxunto, permitía avanzar noutras reivindicacións, acumulaba forzas e xeraba consciencia de clase e nacional.

Podes ler máis no caderno editado en 2009 pola Fundación Moncho Reboiras sobre as tres folgas xerais de 1984:

Preme aquí para o ver en pantalla completa.

Podes descargar o PDF desde aquí.

Tags: ,