Documental: “O Rexurdir do nacionalismo galego. Do piñeirismo ao Consello da Mocidade”

Uncategorized — 23 Xaneiro, 2014

A Fundación Moncho Reboiras apresenta o documental “Rexudir do nacionalismo galego. Do piñeirismo ao Consello da Mocidade”, que complementa o libro e a exposición decorridas froito da colaboración do departamento de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo.

Neste traballo, que contou co asesoramento histórico de Uxío-Breogán Diéguez e de Xoán Carlos Garrido, desenvólvese a evolución do nacionalismo galego desde o golpe militar españolista do 1936 até mediados dos anos sesenta do pasado século. Este periodo iniciaríase co asasinato dos principais cadros do nacionalismo galego, reconstituíndose no exilio o tecido patriótico galego, tendo como símbolos a Irmandade Galega (1941) e o Consello de Galiza (1944). Ambas institucións terían ao noutrora deputado nacionalista Daniel Rodríguez Castelao, que librara dun asasinato seguro, como máximo referente. Na nosa terra iría agromando un galeguismo eminentemente cultural arredor da figura de Ramón Piñeiro, membro até 1936 das Mocedades Galeguistas, creándose no 1950 o selo editorial Galaxia.

Unha nova xeración de mozos nacionalistas apoiados polos vellos exiliados daría lugar no 1963 ao que se daría en chamar Consello da Mocedade. Este organismo estaría en ligazón co Consello de Galiza, goberno galego no exilio, asentado en Bos Aires (Arxentina) e terían como referente ideolóxico máximo a Castelao, xa finado no 1950, e a súa obra central Sempre en Galiza. O Consello da Mocedade tería como presidente ao mariñao Antón Moreda, quen no 1954 relanzara alén mar, xunto outros activistas, as Mocidades Galeguistas e volvera a Galiza no 1961 coa misión de remozar o nacionalismo galego na clandestinidade franquista.

Tags: