“Chávez e o Golpe de Timón”, entrevista a Gonzalo Gómez Freire

Audiovisual — 18 Xullo, 2013

A Fundación Moncho Reboiras-FESGA vén de entrevistar o xornalista Gonzalo Gómez Freire, venezolano de orixe galega que colaborou na fundación da web contra-informativa “aporrea.org” e forma parte da tendencia do PSUV “Marea Socialista”. Gonzalo ten visitado Galiza en numerosas ocasións nos últimos anos e participado en charlas organizadas pola nosa Fundación e central sindical para difundir a situación do proceso bolivariano. Desta volta, analiza os recentes acontecementos trala morte prematura de Hugo Chávez e ofrece a súa valoración sobre os reptos que enfronta a revolución para acadar o tránsito ao socialismo que o finado comandante plantexera na súa proposta “Golpe de timón”. Disponibilizamos a entrevista completa en formato escrito e un resumo en video.

> Descarga aquí o folleto “Golpe de timón”, editado polo Goberno Bolivariano da Venezuela

> Ligazón a aporrea.org

FMR: Vimos de asistir a unha nova victoria eleitoral das forzas bolivarianas, porén nun contexto de falta de recoñecemento e ofensiva da dereita para tentar desvirtuar o resultado. Como valoras o acontecido neste último periodo trala morte de Hugo Chávez?

GONZALO GÓMEZ FREIRE: O 14 de abril gañou as eleccións Nicolás Maduro, o presidente actual, que rempraza ao defunto presidente Chávez. Conseguiu unha vitoria clara, cunha diferenza cercana aos 700.000 votos. A dereita, aínda que a día de hoxe non recoñeceu os resultados eleitorais está disposta a participar nos próximos comicios municipais.

Hai que ter en conta que cando se apresentou Chávez obtivemos unha difereza a favor do chavismo de arredor dun 11%, o que quere dicer que perdemos unha franxa de votantes. Isto, para nós, foi bastante sorprendente, porque no momento en que se produce a morte de Chávez hai unha reacción masiva de aprezo por parte do pobo venezuelano. Naquela altura, realizouse un compromiso de lealdade ao seu legado.

Habería que buscar algunhas causas desa perda de eleitores, como quizais o impacto da devaluación da moeda, que se combinou cunha operación de sabotaxe ecoómica, acaparamento e especulación cos prezos dos produtos básicos. Todo isto a pesar do anuncio dun aumento dos salarios, nomeadamente do salario minimo, de perto dun 40%.

FMR: Fálase moito do legado de Chávez na Venezuela, mais en que se concretiza?

GGF: Falar do legado de Chávez é falar dalgo bastante amplo, que é moi dificil de sintetizar. Porén, aí están os elementos das conquistas principais que se conseguiron na Revolución Bolivariana, xunto ao suxeito social dese proceso revolucionario, que é a clase traballadora e os sectores populares, con Chávez á cabeza como liderádego desa revolución.

Aí está o gaño en materia de soberanía, de independencia fronte o imperialismo, de distribución con sentido de xustiza social da renda petroleira que xera unha serie de beneficios sociais moi importantes -até recoñecidos polos organismos internacionais-, en materia de redución da pobreza, de redución da desnutrición, de incremento da matrícula educativa. Tamén os logros de carácter democrático, porque na Venezuela con Chávez promúlgase a unha nova Constitución que implanta a posibilidade dos referendos revogatorios, que mesmo foron utilizados infrutuosamente pola oposición, e máis de 18 procesos eleitorais. Todo isto é parte do legado democrático de Chávez.

FMR: Hugo Chávez tratou a transición ao socialismo no folleto “Golpe de timón”, xusto despois da victoria eleitoral. En que alicerzaba o presidente finado esta necesidade de avanzo?

GGF: Cando Chávez gaña as eleccións o 7 de outubro, o 20 dese mesmo mes compón un gabinete ministerial. O contido dese gabinete fíxose público nun breve folleto que se chama “Golpe de timón”. Nel descríbese o que sería o perfil do seguinte goberno na nova etapa, que sería fundamentalmente de transición cara o socialismo, a construción da nova sociedade. Fálase da necesidade de aprofundar no enxerto da propriedade social, de ila implantando en todas partes , dunha nova economía, un novo modelo produtivo. Se ben na Venezuela se realizaron nacionalizacións, aínda o goberno non foi a unha política de expropiación masiva da burguesía. Chávez plantexaba entón que tiñan que se por en andamento novas formas de produción con fórmulas asociativas, combinando a propiedade comunitaria e do estado con participación dos traballadores e comunidades.

Outro aspecto que se sinala é a necesidade da eficiencia na labor de goberno, que vai relacionada co problema do burocratismo e da corrupción. Chávez falaba da “importancia da crítica e da autocrítica para poder lograr un mellor desenvolvemento do goberno”. Fala tamén da importancia de que as transformacións sexan reais, non mera maquillaxe ou unicamente mudanza de nome. “O socialismo non se decreta”, di. Ten que ser realmente unha mudanza esencial, e fala da integralidade dese cambio.

Se se vai realizar unha infraestrutura, como por exemplo unha estrada, o que está ao redor ten que transformarse, desenvolver o poder popular das comunidades inmediatas, implantar empresas con propriedade social. Téñense que resolver os problemas laborais, educativos, de saúde, sociais no contorno. Isto ten que ser así porque estamos rodeados dun mar de capitalismo, e ese mar traga todo o que permanece isolado. Non se pode sobreviver se non é con esa política de carácter integral.

Son algunhas das cousas máis importantes das que Chávez fala, como da importancia de desenvolver o poder popular mediante a construción das comunas, nas que opina que hai un retraso. Non se pode ir ao remprazo do estado burgués por un estado comunal se non hai unha construción forte e acelerada das comunas e se o poder popular non se afianza.

FMR: Neste momento a dereita iniciou un proceso de desestabilización, como acaparación de produtos de primeira necesidade, atentados e incluso métodos violentos para derrocar o chavismo. Que valoración nos fas disto?

GGF: Xa sabemos o que fixo a dereita cando o ex-candidato Capriles chamou a cuestionar o resultado das eleccións e se produciron asaltos a centros de saúde, once asasinatos executados polos seus seguidores. Desde entón vivimos unha situación de sabotaxe sostida e planificada da economía. Sabotaxes da industria eléctrica, por exemplo, utilización de calquera problema para xerar estados de opinión que leven á desmoralizacíon e ao descrédito do goberno a nivel internacional.

A oposición combina o garrote e a cenoura. Quere dicer que por un lado aproveita todas as posbilidades e recorre a alternativas extra-constitucional para remprazar o goberno, pero por outro lado tamén utiliza isto como forma de presión para o ir desgastando, ir producindo contradicións e xerar retrocesos. Pretende aproveitar calquera alternativa eleitoral, como a posibilidade de impulsionar un referendo revogatorio. Os mesmos que falan dun goberno autoritario e dictatorial teñen posibilidades comparativamente moito máis avanzadas de exercer a democracia que en ningunha outra parte do mundo.

A oposición probabelmente agarde a impulsar o referendo ou tentar sorte nas próximas eleccións. Porén, iso combínase con outros planos, outras intentonas que estamos a observar, como a entrada de paramilitares desde Colombia, as conversas entre Capriles e a oposición venezuelana co uribismo e con Santos. Rangel, ex-ministro de defensa, informou de que a oposición estaría a mercar 18 avións de guerra nos EUA para levalos a bases militares norteamericanas en Colombia e podelas utilizar na Venezuela. Tamén do caso dos paralimitares que foron detidos recentemente, en Táchira, Portuguesa e dun terceiro comando que ía participar nunha misión en Caracas da que aínda nada se sabe. Parece que pensaban incluso en atentar contra o presidente Maduro. Atopáronlle ademais de armamento, caixas negras de avión. O imperialismo indubidabelmente está por tras disto e non vai perder calquera oportunidade.

FMR. A recente promulgación da Lei do Traballo foi valorada dunha forma moi positiva por sectores operarios. Fálanos dos avanzos que supón.

A nova lei aprobouse hai poucos meses, porén, pasou un ano discutíndose, revisándose, recollendo propostas, etc. Os principais logros están na recuperación da retroactividade do pagamento das prestacións sociais que se perderan coas políticas neoliberais dos últimos gobenos da IV República. Por outra parte, hai unha redución da xornada laboral a 40 horas e garante a fin de semana completa para todos os traballadores, e que se se traballa días extra, que sexan pagados como domingos. Ampliouse o periodo de repouso pre-natal e post-natal considerabelmente, unhas 6 e 20 semanas respectivamente. Ademais introdúcense permisos de 2 semanas para que o pai poda tamén acompañar o nacemento do seu fillo.

Hai tamén unha incorporación de artigos referidos á eliminación da terceirización. Para garantir as contratacións colectivas e que non haxa retrasos, elimínase a tendencia á precarización, a ter contratos individuais e non cadro de persoal fixo. Na Venezuela hai unha débeda referida en certo sentido a que desde hai moitos anos traballadores de empresas do Estado teñen unha moratoria na súa contratación colectiva e isto é incompatíbel coa política que promove a revolución bolivariana e que se ten que resolver.

FMR: Fálanos da importancia do movemento sindical na transformación da realidade venezuelana.

Na Venezuela a maior parte da clase traballadora rachou coa vella central sindical burocratizada e corrupta, até dona de negocios, a CTV, ligada a Acción Democrática e COPEI, os partidos social-cristián e socialdemocráta que gobernaron venezuela antes de Chávez e participaron no golpe de 2002.

Hoxe existen dúas centrais obreiras vencelladas ao proceso revolucionario bolivariano, que son a UNT (Unión Nacional de Traballadores/as) e a Central Socialista Bolivariana de Traballadores/as. Do outro lado, as demais organizacións sindicais son funcionais aos planos golpistas e destabilizadores da patronal e do imperialismo.

Neste caso eu participo nunha corrente que se chama Marea Socialista na que propoñemos que estas dúas centrais se articulen nunha intersindical buscando os pontos que teñen en común para traballar xuntas, e por outro lado que poidamos impulsar unha constituinte os traballadores/as para unha refundación unificada do movimento sindical bolivariano e revolucionario.

FMR: Cal é situación actual do proceso bolivariano?

A revolución bolivariana desde o ponto de vista social e político saiu victoriosa da maior parte das batallas e non hai ningún elemento de derrotismo da mesma. Hai bo ánimo do pobo, altos niveis de mobilización, independentemente de que poidan existir, como en calquera revolución, contradicións e límites.

O problema está en que unha revolución conta cun tempo histórico para desenvolverse, e se non se levan os ritmos de tranformación necesarios, dada a velocidade coa que o capitalismo tenta fanar o proceso revolucionario e conspira contra os logros, poida ser máis rápida e máis forte que a velocidade das tranformacións.

Unha revolución que non avanza, retrocede, unha revolución non se pode estancar. Na Venezuela aínda temos o reto por unha parte de tansformar por completo o modelo produtivo, que se poidan establecer empresas con capacidade de producir os elementos básicos para o abstecemento da poboación e propoprcionar esa independencia que o país precisa desde o ponto de vista tecnolóxico, de todas as áreas de produción basada na propriedade social e en relacións sociais de produción novas. Non reproducindo o capitalismo, porque tampuco queremos capitalismo de Estado. Os funcionarios do Estado non deben actuar como se fosen os propietarios das empresas, mantendo relacións de supeditación dos traballadores sen que poidan participar no proceso de toma de decisións igual que as comunidades do poder popular.

Tampouco podemos continuar baixo o Estado burgués, co mesmo modelo (coas modificacións constitucionais) da IV República. É necesario un avanzo máis acelerado, como dicía o presidente Chávez, das organizacións, dos organismos do poder popular. A capacidade de impulsar comunas , e ir cara ese estado comunal que remprace a estrutura do estado burgués actual.

Por outro lado a maior capacidade da clase traballadora para poder participar no control e planificación e toma de decisións en relación á produción, da que na Veneuzela contamos con algunhas experiencias nese sentido, aínda que teñen que continuar en desenvolvemento.