Percorrido pola historia da nación galega (caderno)

destaque-publicacions, Publicacións — 14 Marzo, 2013

A Fundación Moncho Reboiras-FESGA apresenta a publicación “Percorrido pola historia da nación galega”, que, ao longo de 32 páxinas, traza un itinerario histórico que parte dos inicios do poboamento do territorio até o albor do novo século, pasando por toda unha serie de episodios que foron conformando a idiosincrasia do noso pobo, e sen os cais sería imposíbel entender a nosa realidade actual. O caderno, completamente ilustrado, está estruturado en diferentes capítulos temáticos correspondentes a diferentes feitos de relevancia e periodos da nosa historia, desde unha óptica que pon de relevo a loita de clases e a intervención imperialista da España, que remataría por sumir ao noso pobo na dependencia e na subsidiariedade económica e cultural. Porén, estes procesos de dominación foron combatidos de diversas formas polas nosas clases populares, dando lugar a expresións non só de descontentamento, mais de auto-organización e de empoderamento, tal e como se comproba cos xermes agraristas, obreiros e nacionalistas, alicerces a partir dos cales xorde a nosa central sindical nacional, a CIG.

Desde a Fundación Moncho Reboiras acreditamos no coñecemento, estudo científico e valorización da nosa propia historia, negada no pasado e presente polo estado español a diferentes niveis, non só por unha cuestión de xustiza histórica, se non como unha forma máis de concienciación nacional e social, como apoio a un proceso que ha lograr algún día a consecución da soberanía e da xustiza social para o noso pobo.

> Para veres o caderno en pantalla completa, fai click aquí <
> Para descargares o PDF, fai click aquí <

A seguir, achegamos un índice do caderno:

– Poboamento do territorio
– A cultura celta
– A Romanización
– O Reino Suevo da Gallaecia
– “Árabes” e “Reconquista” na Galiza
– O Reino da Galiza
– Nobreza e cultura galega
– O decisivo século XIV
– A Revolta Irmandiña
– A “doma e castración”
– Os Séculos Escuros e a Ilustración
– Loita contra a ocupación francesa
– Revolución de 1846
– O Rexurdimento
– Insurrección en Ferrol e motíns agrarios
– A emigración
– O agromar do movemento obreiro
– A loita contra os foros e os caciques
– Asemblea Nacionalista de Lugo
– Loita polo Estado Galego
– Conflitividade social na II República
– Represión franquista
– O rexurdir do nacionalismo organizado
– As folgas de marzo e setembro de 1972
– Estudantes, labregos e cultura tamén na primeira liña
– Constitúese a ING
– O marco estatutario
– As folgas xerais de 1984
– A CIG: Converxencia do sindicalismo nacionalista
– Manifestacións masivas no albor do século XXI

Tags: