Caderno: as folgas do ferrocarril de 1931 e 1932 (protestas, solidariedade popular e declaración do Estado galego)

Publicacións — 13 Setembro, 2012

Hai oitenta e un anos proclamábase en varios lugares de Galiza o Estado galego, ao abeiro da conflitiva situación do momento: agromar da Segunda República e das arelas de liberdade das nacións oprimidas da periferia, e da folga dos obreiros contratados pra construción da vía Zamora-Ourense-A Coruña. A República proclamouse o 14 de abril de 1931, nun proceso que abriu unha enxurrada de rápidas mudanzas moito tempo contidas.

O 18 de abril ORGA convocaba unha asemblea para debater a constitución dun gran partido nacional galego e levar ás Cortes o proxecto de constitución do Estado Galego. O 4 de xuño celebrouse en A Coruña a reunión presidida por Antón Alonso Ríos. Nesta asemblea acordábase: o recoñecemento da igualdade de dereitos políticos entre o home e a muller, a definición de quen é galego e a condición dos cidadáns españois en Galiza, e afirmábase a Galiza como un Estado autónomo dentro da República española. Un bo comezo que atoparía unha morea de atrancos, por mor das resistencias do centralismo e pola inconsistencia de compromiso da propia ORGA.

Un día antes do comezo da asemblea da Coruña suspendíanse as obras do camiño de ferro entre Zamora-Ourense-A Coruña, así como tramos do de Ferrol a Xixón. Esta decisión tería unha ampla repercusión política e social no país. A paralización atinxía a 9.500 “carrileiros”, un número inmenso pra economía da época.

A suspensión das obras do ferrocarril abriron unha fronte social e política en Galiza, orixinando a creación de comisións populares, como a do Carballiño, vila na que dimitían os concelleiros e deciden absterse nas eleicións pra Asemblea Constituínte do 28 de xuño. En Ourense o povo organizase en Asemblea Permanente. Sucédense as reunións co governo en Madrid e as mobilizacións, como a que se fixo en Compostela o 17 de xuño, na que participaron 800 labregos da comarca do Ulla afectados pola paralización; nesa mesma data facíase na cidade unha asemblea a prol do tema á que acudiron 600 veciños e na que falou o alcalde.

A capacidade mobilizadora dos obreiros do camiño de ferro (os carrileiros) non é circunstancial, se temos en consideración o que nos di Dionisio Pereira (Sindicalistas e Rebeldes) “Proclamada a República no tramo que que transcorre pola bisbarra de Monterrei prodúcense diversas folgas para acadar melloras laborais (…) Andando 1931, imítanos os peóns e canteiros da zona de Vilar de Barrio que, en número de 1.000, perden 9.000 horas de traballo con idéntico obxectivo.”

A medida que se achegan as votacións a presión institucional e social faise máis forte, tamén as reivindicacións de claro matiz político. Os obreiros do ferrocarril reunidos en Compostela deciden levar ao pleno que se vai celebrar en Ourense, entre outras propostas, a inmediata declaración do Estado Galego. Ao día, o 26 de xuño, acudiron a Ourense representantes de todas as localidades afectadas en Galiza así como de Poboa de Sanabria, que estaban pendentes dunha contestación do Governo da República. O teatro Losada estaba ateigado e que a xente no exterior era máis numerosa, polo que a asembleia celebrouse na Alameda.

Ante a falta de respostas claras os ánimos foron fervendo entre os traballadores de xeito tal que o 27 de xuño, relata o xornal El Pueblo Gallego, despois dunha manifestación en Compostela, izouse a bandeira galega e proclamouse o Estado Galego (seica un acto semellante fíxose en Seixalbo). Dimitiron todas as autoridades e pedíuselle a Antón Alonso Rios que ocupara a presidencia da Xunta Revolucionaria. Compre dicir que actos semellantes dánse noutros lugares da península. Pra alén do carácter espontáneo e limitado dalgúns feitos amosan o estado de animo da xente, a unidade existente cando se trataba de defender os intereses de Galiza, e que o movemento obreiro non era refractario á cuestión nacional galega.

*Manuel Mera Sánchez, diretor da FESGA

> Podes visualizar o caderno aquí en pantalla completa <

> Podes descargar aquí en pdf o caderno <

Tags: , ,