Novo pacto social no que CCOO e UGT asumen a postura da patronal

Audiovisual — 4 Febreiro, 2012

A FESGA presenta un audivisual que recolle a análise sobre o recente acordo de CCOO e UGT coa patronal de CEOE e CEPYME (“II Acuerdo para el empleo y la negociación colectiva”) , para o cal entrevistamos a Xesús Seixo, secretario xeral da CIG, e máis a Antolín Alcántara, secretario confederal de negociación colectiva da central.

A continuar ofrecemos tamén a análise publicada no web da CIG:

Segundo as previsións de organismos internacionais, a inflación acumulada nos próximos dous anos no estado español será do 4%. Fronte a este incremento do IPC e, segundo o pactado por CCOO e UGT, os salarios só medrarán, neste ano un 0,5% e para o próximo un 0,6%. Se a isto se lle engade o incremento salarial pactado por estas centrais sindicais para 2011, de tan só o 1% e que a inflación foi superior, a perda salarial destes anos acadará o 4,1%.

O salario medio en Galiza é de 18.000 euros. Segundo os cálculos da CIG, ao medrar a masa salarial por debaixo do IPC, as traballadoras e traballadores perderán, en catro anos, nin máis nin menos que 3.000 euros.

Alcántara considera que se trata dunha cantidade “espeluznante” que, “en virtude de non se sabe que autoridade e en representación de quen, CCOO e UGT acordan sustraerlle á clase traballadora en favor da patronal”.

O secretario confederal de Negociación Colectiva afirma que este acordo terá gravísimas consecuencias nas condicións de vida das traballadoras e traballadores, provocando un empobrecemento da clase traballadora.

Flexibilidade

CCOO e UGT non se limitan a reducir os salarios. Tamén lle outorgan ao empresariado a potestade para axeitar a xornada ás súas necesidades introducindo unha flexibilidade do 10% e discrecional do 5%.

Alcántara advirte que, en total, son aproximadamente 20 días de flexibilidade ao ano nos que o empresario poderá aplicar unha xornada conforme lle conveña e os traballadores non verán suxeita a súa xornada a ningún criterio estabelecido. “Non terán unha xornada estábel, non se saberá cando teñen que traballar e cando teñen que descansar. Isto afectará especialmente aos traballadores temporais, cun contrato de varios meses, que van traballar máis días dos que lle corresponden nun período e non poderán recuperar todos eses días traballadores por decisión patronal”.

Descolgue

Alén de asinar unhas condicións salariais e laborais “miserentas”, CCOO e UGT pactan a posibilidade de descolgue na aplicación do convenio en todos eses dereitos, sempre que se considere que a súa aplicación pode afectar á súa competitividade. “Deixan aos traballadores e traballadoras vendidos completamente á patronal”.

Diante desta situación, Alcántara asegura que CCOO e UGT están atendendo máis aos seus intereses, “para manter os privilexios derivados do diálogo social, nunha actuación sen precedentes que implica sacrificar á clase traballadora”.

Tags: , ,