Jovita Pérez, viúva de Xosé Velo: in memoriam

Documentos — 19 Decembro, 2011

Jovita Pérez  (Celanova, outubro 1915- Caracas, decembro 2011)

Texto de Xurxo Martínez Crespo

O pasado 7 de decembro morreu no exilio venezolano a que fora muller e compañeira de Xosé Velo desde o seu matrimonio en 1936 en Celanova. Triste casualidade que o seu pasamento coincida co 50º aniversario do asalto ao paquebote portugués Santa Maria, que sinalaría tamén o inicio doutro exilio para o seu home, o director xeral do DRIL Xosé Velo, e o comezo do exilio do seu fillo menor, Víctor, que tamén participou no secuestro co seu pai, ademais de ser o único sobrevivente da familia Velo-Mosquera, pois aínda reside no Brasil.

A vida de Jovita Pérez estivo marcada pola represión do golpe de Estado fascista de 1936 contra o seu home. Xosé Velo viviu de detención en detención, de tortura en tortura, agochado e fuxindo das ocasionais detencións das forzas policiais fascistas. Acurralado permanentemente, Xosé Velo marcha a Portugal, Porto, Estoril, Lisboa e malia ser detido pola policía secreta portuguesa, a PIDE, logra saír grazas á organización cuáquera estadounidense Unitarian Service. Marcha desde Lisboa, en 1948, cun pasaporte venezuelano concedido polo goberno de Rómulo Gallegos no que se pode ler: «Filiación política: republicano galleguista»

Mentres Xosé Velo embarcaba cara a Caracas, Jovita quedaba cos seus fillos, Lino, Manuela e Víctor en Galiza. Tempos difíciles para unha muller soa con tres fillos que atender e un home fuxido. A finais de 1949 chega Jovita a Caracas cos tres fillos despois de agardar máis de 6 meses a documentación venezuelana para a viaxe na casa do galego Luís Pérez en Monte Estoril.

A foto do cruce da raia non pode ser máis dramática: Jovita cos seus pais, os tres fillos, o chofer e o policía español (de paisano) que os acompañaba.

Jovita será o alicerce máis importante da familia Velo en Venezuela. Pola súa casa no barrio caraqueño de La Pastora pasarán desde o autoexiliado Luís Pérez, que os agochara en Estoril, até o propio Xosé Sesto e o seu fillo maior.

Coa creación do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) e a codirección de Velo (o outro director era o portugués Humberto Delgado) chegará o momento máis dramático da vida de Jovita e dos seus fillos. O secuestro do Santa Maria en xaneiro de 1961 e a concesión do estatus de refuxiados políticos para Xosé e Víctor Velo crearán unha fenda familiar difícil de salvar. Por un lado Jovita, Lino e Manuela en Caracas, do outro Xosé e o seu fillo Víctor en Brasil.

As viaxes desde Caracas até São Paulo serán habituais para Jovita, Lino e Manuela. Pero desde a chegada a Venezuela en 1949 e o asalto en xaneiro de 1961, xa non volverán estar todos xuntos.

Coñecín persoalmente a Jovita en 2002 na rodaxe dun documental sobre o Santa Maria. Fomos cunha produtora venezuelana á súa casa (vivía coa súa neta) e o equipo quería que lese unha carta de Xosé Velo dirixida a ela para poder gravar a súa voz.

A pequena letra de Velo impedía a Jovita poder lela. Pediume que lle transcribise toda a carta, en letra grande. A carta era unha bonita carta de amor, en galego. Chamáballe «churriña» e falaba de tempos pasados que foran mellores. Foi un momento dramático. Despois, cando vin aquelas imaxes no documental, aínda o foi máis.

En 2002 os ex-presos da cadea de Burgos fixeran no cárcere unha homenaxe a todos os que morreran e a todos os que sobreviviran ao fascismo español.

Desde Caracas mandara o comunista galego Alberto Puente unha carta para ser lida na homenaxe. A carta por enteiro estaba dedicada ás nais, irmás, mulleres e fillas que durante anos, ás veces máis de 20, mantiveron un vencello dos presos co exterior. Con calidez humana estas mulleres levaron roupa, comida e compaña a estes homes. A loita mantida durante todos eses anos tería sido imposíbel sen esa visita semanal.

Esa pequena homenaxe de Alberto a todas as mulleres anónimas é trasladábel a Jovita Velo. Ben dicía o seu fillo Víctor: «Non é posíbel falar do suceso do Santa Maria sen falar de Pepe Velo, mais si é posíbel falar de Pepe Velo sen falar do Santa Maria.»

Isto podemos trasladalo a Jovita e Xosé. Non é posíbel falar dun sen o outro e a loita continua deste galego inmenso non pode ser entendida se non é á sombra dunha galega entregada e loitadora porque, como dicían os gregos da Antigüidade, só a aqueles que sufriron lles é dado comprender.

Tags: , ,