A iniciativa social ‘Sermos Galiza’ pulará pola creación dun xornal dixital e dun semanario impreso galegos e en galego.

Novas — 1 Xullo, 2011
Un grupo promotor de trece persoas de distintos ámbitos sociais presentou en Santiago a  iniciativa social para a creación do Grupo de Comunicación Sermos Galiza, un proxecto que parte coa vontade de se converter en referente da información en galego. De partida, o grupo  promotor (do que fai parte entre outros o Director de FESGA, Manuel Mera) anuncia a intención de botar a andar un diario dixital e un semanario en papel, sustentado fundamentalmente nos subscritores e nun accionariado amplo e plural.

As escritoras Marga Romero e Teresa Moure e o profesor da Universidade da Coruña, Xosé Ramón Freixeiro Mato actuaron como portavoces da iniciativa Sermos Galiza, un proxecto que consideran “urxente e necesario” nun momento de abafamento dos medios en galego. O obxectivo de Sermos Galiza é ofrecer á cidadanía un produto informativo novo e distinto, ao dicir dos seus promotores, “que defenda os intereses da Galiza na nosa lingua, que cree redes de participación e sexa a voz da cidadanía e que sexa, en definitiva,  un proxecto colectivo que nace e se desenvolve pola forza e o entusiasmo dos e das que cremos neste país e no seu futuro”.

Para iso, emprazan aos sectores máis conscientes, dinámicos e críticos da cidadanía, a comprometerse activamente, indicando que este é un proxecto aberto a todo aquel que quixer un medio destas características. “Un proxecto como este vai recoller o entusiasmo e a enerxía de moitos e moitas que se resisten a que Galiza desapareza. A cidadanía galega demostrou na súa historia recente en moitas ocasións que ten forza para construír un futuro colectivo” sinalaron.

A partir de agora formalizaranse os apoios xa acadados e desenvolverase unha campaña de busca de novos colaboradores e colaboradoras para poñer a andar a iniciativa. Estableceranse con ese fin contactos con asociación e entidades do tecido social galego que mostraron o seu interese en contribuír ao nacemento desta iniciativa.

“O obxectivo é que o proxecto se manteña por si mesmo, sen dependencias empresariais ou institucionais. Estamos a ver como o goberno galego pode, cando quere, aprisionar ou facer desaparecer os medios de comunicación que non lle interesan e por iso a nosa baza é a independencia e o compromiso firme dos lectores e lectoras” defenden os promotores.

O grupo promotor entende que, para o proxecto ser viábel, precisa do apoio dun mínimo de 3.000 subscritores e un capital social colectivo, evitando accionistas maioritarios. Deseña a creación dun diario dixital e un semanario en papel pero con perspectiva de se expandir a outros soportes comunicativos, en especial, ao radiofónico, a comezar pola radio dixital.

As fortalezas do novo medio serán, segundo os seus promotores,  a súa base colectiva, a participación cidadá e a creación de redes de colaboración. “Daremos voz aos e ás que non a teñen co que iso significa tanto informativamente como de apertura e participación nos nosos medios. A cidadanía será propietaria e protagonista de Sermos Galiza” sinalaron.

Un medios de comunicación necesario

A existencia e consolidación dun espazo galego de comunicación é condición necesaria para asegurarmos un espazo de decisión propio a camiño do pleno autogoberno. Por iso, precisamos de dotármonos de medios de comunicación propios, que teñan como referencia Galiza e que partillen o proxecto de nación,  de ser e actuar desde nós mesmos. O momento comunicativo galego actual expresa o baleiro de voces que respondan ás ansias informativas dun segmento crecente da poboación  que quere e confía na soberanía en todos os ámbitos de actuación.

Aliás, o desaparecemento nos últimos tempos de medios de comunicación en galego agrava aínda máis a situación, polo que a creación dun proxecto que responda a unha demanda existente é unha necesidade xa urxente. A ausencia de medios cuxo centro de atención informativa sexa Galiza e as liñas editoriais cada vez máis belixerantes nos medios de comunicación en soportes tradicionais,  evidencian unha situación na que a nosa lingua,  a defensa do país, a información de organizacións propias e a nosa cultura fica  abafada na morea de información xerada con outras fontes e outros obxectivos. A política informativa do goberno da Xunta de Galiza contribuíu para agravar esta situación provocando a marxinación das voces críticas nos xornais, en canto o control gobernamental e mesmo a censura se impoñen como en poucas ocasións na radio e televisión públicas galegas.

A axenda informativa dos medios, como ben vemos, non ten a ver coas necesidades do país e iso distorsiona a construción da realidade social e a opinión pública. Constitúe, alén diso, unha rémora de singular dimensión para o crecemento e a difusión das ideas que teñen o seu cerne nos intereses da Galiza.

É por iso que os e as promotores/as  deste proxecto que agora presentamos, consideramos urxente o nacemento dun grupo de comunicación que responda ás necesidades informativas do noso país neste século XXI, unha iniciativa sólida, colectiva e plural que teña vocación de se transformar en referente informativo dos intereses da nación galega.

Unha iniciativa galega e en galego

A lingua será elemento definitorio do proxecto. A nosa iniciativa informativa ten na nosa lingua o seu modo de expresión. Face a xornais e medios marcadamente españolizados ou cabeceiras cunha presenza marxinal da nosa lingua, o novo medio terá no galego un sinal de identidade e eixo clave de definición.

Colocaranos, alén diso, na situación de aproveitar sinerxías comunicativas cos medios portugueses, prestando tamén atención ao acontecer político e cultural dos países da lusofonía. Será esta, por tanto, unha forma máis de singularización nun panorama en exceso dependente do centralismo español.

Un proxecto colectivo e plural

A independencia e a pluralidade serán eixos do novo medio e iso implica unha definición empresarial que foxe tanto do sometemento ao mercado publicitario como á propiedade empresarial de capital único.

O compromiso tanto individual como de entidades e organizacións no apoio deste novo medio constitúese así como elemento fundamental para o seu nacemento. De partida, esta orixe plural conferiralle ao novo medio o carácter dun proxecto común sólido e construtivo.

Precisamos dun capital social mínimo suficiente para poder garantir a solvencia e solidez do proxecto,  que se captará a través de accionistas particulares e entidades, fundacións ou empresas que respalden esta iniciativa para defender os intereses de Galiza.

Outro eixo fundamental de funcionamento asenta na creación dunha sólida rede de colaboradores. Tanto no noso territorio como alén das nosas fronteiras, queremos que ese carácter colectivo fique patente tamén na autoría plural tanto no ámbito da opinión e crítica como na información directa desde os distintos focos informativos. O traballo de “creación de rede” preséntase fundamental e coincidente co obxectivo de dar voz aos distintos sectores e numerosos homes e mulleres que teñen moito que dicir no presente e futuro de Galiza.

Información,  análise e interpretación

Responder ás necesidades informativas dunha audiencia que non atopa respostas nas cabeceiras e medios audiovisuais que se desenvolven na Galiza obriga a definir un proxecto baseado, por unha parte, na inmediatez e nas novas tecnoloxías da comunicación ás que non podemos ficar alleos mais, pola outra, a unha presenza material con distribución directa e en puntos de venda tradicional, co fin de “pór á vista” a nosa cabeceira.

Estamos a falar por tanto dun proxecto que deberá arrancar con un diario dixital e un semanario en papel, este cunha vocación máis interpretativa e de análise e a información máis demorada expresada en xéneros xornalísticos como a entrevista ou a reportaxe. Mais o proxecto non debe pórse límites.

En troca, debe aspirar a afianzarse e crecer. À partida pensando na radio. Mesmo en formatos máis novos, como a radio dixital. E de aí para diante.

www.sermosgaliza.blogspot.com

Tags: , ,